Saltar ao contido

Gavrilo Princip

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 24 de outubro de 2016 ás 12:05 por Breogan2008 (conversa | contribucións)
Gavrilo Princip en Theresienstadt.

Gavrilo Princip (o seu apelido é ás veces transcrito Prinzip e Printsip), nado en Obljaj (Bosnia e Hercegovina) o 25 de xullo de 1894 e finado en Terezin o 28 de abril de 1918, foi un nacionalista serbio, coñecido por dar morte en 1914 ao arquiduque Francisco Fernando de Austria.

Traxectoria

Membro da sociedade Xove Bosnia (Mlada Bosnia) desde 1912, asasinou o 28 de xuño de 1914 o arquiduque Francisco Fernando de Austria, herdeiro do trono austro-húngaro, e a súa esposa a duquesa de Hohenberg, de solteira condesa Sophie Chotek.

A Xove Bosnia propugnaba a unión dese país con Servia, pois por entón aínda formaba parte do Imperio asutro-húngaro. O atentado contou con a participación, ademais da de Princip, con a doutros cinco compañeiros. O grupo estaba armado con pistolas e bombas, fornecidas pola sociedade secreta Man Negra (Crna Ruka), que contaba con simpatizantes da oficialidade servia e mesmo a austríaca. O obxectivo da Man Negra era modificar o xa vello imperio dual austro-húngaro ampliándoo nun imperio trilateral servo-austríaco-húngaro. A arma que usou Princip foi unha pistola semiautomática Browning M 1910, do calibre 7,65 mm. Só dous dos perpretantes do atentado foron detidos pola policía, Gavrilo e máis o seu amigo Nedeljko Čabrinović. O resto dos secuaces non puideron entrar en acción e refugaron darse a coñecer.

Este sucedido, no contexto tenso da época, tivo repercusións que conduciran ao estoupido da Primeira Guerra Mundial.

Princip morreu, oficialmente, de tuberculose durante o seu encarceramento, mais verosimilmente máis ben a causa da fame e do frío provocados pola actitude dos oficiais austríacos que o custodiaban.

Princip foi escollido entre os conxurados para disparar sobre o arquiduque, aínda que tamén é certo que a súa xove idade podía evitarlle as peores consecuencias en caso de ser detido; de xeito que a data do seu nacemento no era un feito secundario.

Princip morreu na fortaleza de Theresienstadt, hoxe en día denominada Terezin, na República Checa, que sería posteriormente utilizada como campo de concentración, durante a Segunda Guerra Mundial.