Portal:Pontevedra
Artigo destacado
O Diario de Pontevedra é un xornal que se edita ininterrompidamente na cidade de Pontevedra dende 1968, propiedade dende 1999 do Grupo El Progreso de Lugo. Dende o ano 2001 ten a súa sede na rúa Lepanto. A impresión realízase na rotativa de El Progreso en Lugo. Malia a súa pertenza ao grupo lugués, o xornal mantén o seu carácter local, mesmo nas promocións e nos enfoques das noticias. Contou cunha edición electrónica propia ata que en decembro de 2007 integrouse, como os outros xornais do grupo, na plataforma Galiciaé.
É un periódico de carácter eminentemente local e provincial, centrado na contorna da cidade de Pontevedra. Conta con delegacións en Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e O Grove, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Vigo, Lalín e A Estrada. O actual Diario de Pontevedra é herdeiro doutras cabeceiras xornalísticas da cidade, algunhas mesmo co mesmo título. Ao longo da súa historia sufriu varias suspensións, ata a súa última resurrección o 2 de abril de 1968. A xestión inical do xornal corre a cargo dunha cooperativa de traballadores, unha forma empresarial pouco común na prensa española. A cooperativa encoméndalle a dirección a Pedro Antonio Rivas Fontenla. Lugar de interese
O Museo Provincial de Pontevedra foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra, e abriu ó público o 10 de agosto de 1929.
Na actualidade o museo ocupa cinco edificios históricos máis un sexto edificio moderno que se comezou a construír en 2004 e que foi inaugurado en 2012. Os cinco edificios históricos son o Pazo do Castro Monteagudo, o Pazo García Flórez, o Edificio Fernán López, as Ruínas de San Domingos, e o Edificio Sarmiento. O museo conta tamén cunha biblioteca de consulta e realiza publicacións científicas periódicas. Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia. Imaxe destacada
Biografía destacada
María Victoria Moreno Márquez, nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939 e finada en Pontevedra o 22 de novembro de 2005, foi unha editora, tradutora, conferenciante, escritora de literatura infantil e xuvenil galega e profesora de ensino secundario en institutos de Lugo, Sanxenxo e Pontevedra. O seu texto máis coñecido é Anagnórise (Galaxia, 1988), vinte veces reeditado e traducido a varias linguas. Algúns trazos fundamentais da súa obra son o lirismo, a conversión dos animais en protagonistas e a crítica a un ensino reseso.
En 2018 foi a figura protagonista do Día das Letras Galegas. Sabías que...?
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|